Xornada para empresarios do sector TIC, da man de AGESTIC

mércores, 11 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, vén de anunciar que o vindeiro día 19 de febreiro, terá lugar, en Santiago de Compostela, unha xornada na que se analizarán os cambios que se están a dar na realidade empresarial por mor da crise así como as posibles solucións para as empresas asistentes, ofrecidas polos profesionais máis prestixiosos do sector.
Os relatores convidados a esta xornada, que vai dirixida principalmente a xerentes e directivos de empresas do sector TIC, ofrecerán información de interese sobre como acceder aos mercados axeitados, como ofrecer solucións diferenciadas ou como organizar, focalizar, medir e optimizar os propios recursos, entre outras cousas.
O acto terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, ubicado na rúa Airas Nunes, s/n do barrio de Conxo, e para asistir, os interesados deberán enviar un formulario (dispoñible na web oficial de AGESTIC) coa solicitude de praza á dirección, tecnicos@agestic.org ou ben por fax, ao número 982 873 903.
A asistencia á devandita xornada é libre e de balde para tódolos asistentes.

PUBLICIDADE