Xogos clásicos de Intellivision rexurden na Nintendo DS

xoves, 9 de setembro do 2010 Marcus Fernández

En 1979 a compañía xogueteira Mattel comercializou unha consola de videoxogos doméstica chamada Intellivision, que pretendía competir coa popular Atari 2600 e conseguiu vender máis de 3 millóns de unidades e completar un catálogo de máis de 125 xogos, que para moitos nostálxicos convertéronse en auténticos clásicos, dos que podemos recuperar unha boa parte dos mesmos mediante un recompilatorio chamado Intellivision Lives! dispoñible para PC e varias consolas de videoxogos domésticas (GameCube, PS2 e Xbox) ás que a semana que vén vai sumarse a Nintendo DS, aínda que parece que a súa distribución non vai ser moi boa (por estar dirixido a un público reducido).
Intellivision Lives! inclúe máis de 60 títulos da clásica consola de Mattel entre os que están Vectron, Shark! Shark!, Space Battle, Frog Bog, Body Slam, Tower of Doom e moitos outros que só saberá apreciar quen xogase aos mesmos na consola doméstica, pois este tipo de xogos envelleceron bastante mal por contar cuns gráficos e unha xogabilidade con moitas limitacións, pero que servirán para lembrar os primeiros tempos das videoconsolas.

A Intellivision foi unha das primeiras videoconsolas domésticas

PUBLICIDADE