Xa se pode descargar a demo do xogo aberto multiplataforma Apricot

xoves, 3 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A creación de videoxogos é unha tarefa que co paso do tempo se foi convertendo cada vez máis complicada polas altas esixencias do mercado, de aí que cada día sexa máis difícil ver xogos gratuítos e abertos, e dende a Fundación Blender pretenden demostrar que é posible crear xogos 3D en código aberto cun mínimo de calidade, polo que traballan en Apricot, un xogo protagonizado por simpáticos animaliños da película Big Buck Bunny (desenvolvida baixo licenza Creative Commons, tamén dende a Fundación Blender).
Os que queiran achegarse a este título, xa poden ver a súa versión de demostración, que parte de modelos 3D creados por Blender e o motor tridimensional Crystal Space, o que permitirá que no futuro outros desenvolvedores empreguen esta base para facer novos xogos baixo a mesma filosofía.
Aínda que o xogo estea aberto, tamén procurarán a súa venda en DVD, aceptando encargos. Así, por 34 euros podemos facernos un disco no que se atopa o instalador do xogo (compatible con Linux, Windows e Mac OS X), os ficheiros de Blender con todos os modelos, texturas, cortes sonoros... ou sexa, todo o material base do xogo, documentación e titoriais de vídeo sobre aspectos técnicos, a animación de personaxes ou a creación de novos niveis. Tampouco falta a película comentada anteriormente en varios formatos.


A demo de Apricot


Película de animación Big Buck Bunny

PUBLICIDADE