Xa se coñecen os relatores dos obradoiros prácticos B-web

luns, 12 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Dando continuidade ao éxito das pasadas dúas edicións do encontro profesional B-web que tivo lugar no recinto de EXPOCoruña, do 15 de setembro ao 24 de novembro terán lugar 5 obradoiros que buscan abordar temáticas como o aproveitamento das redes sociais na empresa ou o posicionamento dos espazos web nos buscadores.
Estas xornadas terán un prezo individual anticipado de 50 euros (que pasarán a 70 euros de formalizarse a inscrición a 5 días dos obradoiros), estando limitadas as súas prazas a 50 e contando con profesionais que afondarán nos distintos temas programados dende un punto de vista práctico. Xa está dispoñible para a súa descarga a ficha de inscrición para as obradoiros B-web.
Os profesionais que quedaron con ganas de máis tras a pasada edición do B-web poden participar nos novos obradoiros, dos que finalmente coñecemos aos seus relatores, que son os que seguen:

- 15 de setembro: ¿Cómo buscar emprego a través das redes sociais?
O coruñés José Luis del Campo Villare, con 15 anos de traxectoria profesional en distintos postos, moitos centrados na dirección de persoas, en sectores como o financeiro o da consultoría, achegarase á busca de emprego aproveitando as novas ferramentas dispoñibles na Rede.
- 29 de setembro: Redes sociais para PEME
Javier Martín, fundador do blog Loogic e involucrado en numerosos encontros tecnolóxicos e iniciativas de emprendemento, achegarase ao uso das redes sociais por parte das pequenas e medianas empresas.
- 13 de outubro: Posicionamento web
Ismael El-Qudsi, de Havas Digital (e con experiencia en proxectos como MSN, Live.com e Noxtrum) falará da labor de optimización de páxinas web para mellorar as súas posicións nos resultados dos buscadores de Internet.
- 27 de outubro: Xestión de comunicación de crise en redes sociais
Iván Pino, director de comunicación en liña de Llorente & Cuenca, explicará a importancia de aproveitar as redes sociais por parte das empresas para comunicar en caso dunha crise que poida prexudicar á súa imaxe.
- 24 de novembro: Quero ser Community Manager
Manuel Serrano, profesor de Community Manager en ICEMD-ESIC, achegarase á unha das figuras de moda no mundo da comunicación corporativa.

Todos estes obradoiros terán lugar entre as 16:00 e as 20:00 horas no recinto de EXPOCoruña.

José Luis del Campo Villare, Javier Martín, Ismael El-Qudsi, Iván Pino e Manuel Serrano serán os relatores dos obradoiros prácticos B-web

PUBLICIDADE