Xa están listas as especificacións do Blu-ray 3D

xoves, 17 de decembro do 2009 Marcus Fernández

A Blu-ray Disc Association (BDA) anunciou a finalización da especificación 3DTM para Blu-ray, de xeito que os estudos cinematográficos e os fabricantes de electrónica de consumo xa teñen unhas especificación para permitir achegar a experiencia do cine en 3D a través de reprodutores de Blu-ray, de xeito que nos vindeiros meses poderemos ver cómo as imaxes estereoscópicas de alta definición serán posibles nos fogares, trasladando así a experiencia que actualmente está limitada só a unhas poucas salas cinematográficas.
A nova especificación estaría pensada tanto na súa aplicación á PlayStation 3 coma a reprodutores de Blu-ray que poidan conectarse a televisores con posibilidades 3D (xa existen varios no mercado) e incluso contémplase a posibilidade de que as producións 3D poidan visualizarse en 2D, de xeito que as películas en 3D serían compatibles cos reprodutores actuais (aínda que prescindindo das características estereoscópicas).
A especificación de Blu-ray 3D emprega un codec Multiview Video Coding (MVC) que é unha extensión do ITU-T H.264 AVC (codec soportado por todos os reprodutores de Blu-ray actuais) e incluiría na película dúas cámaras de vídeo correspondentes ao ollo dereito e ao esquerdo do espectador, para logo poder replicar o que sería a visión estereoscópica ata a 1.080p.

PUBLICIDADE