Xa está dispoñible Minecraft Legends

mércores, 19 de abril do 2023 Marcus Fernández

Os seareiros de Minecraft por fin poden gozar dun agardado xogo desta franquía, Minecraft Legends, que está dispoñible para Xbox Series X|S, Xbox One, PC, Xbox Game Pass, Nintendo Switch, PlayStation 4, PlayStation 5 e incluso televisores de Samsung a través do Gaming Hub. Este título non só está dispoñible para moitas plataformas, senón que tamén soporta o multixogador cruzado, facendo posible xogar cos amigos aínda que cada un estea a utilizar un equipo diferente.
Minecraft Legends é un xogo de estratexia e acción totalmente novo de Mojang Studios e Blackbird Interactive, no que os xogadores teñen que explorar unha terra de exuberantes biomas e ricos recursos que está a piques de mudar por mor da invasión Piglin contra a que os xogadores deben combater para salvar o Overworld.
O xogo permite gozar da súa historia nun modo campaña que pode xogarse en solitario ou colaborando con amigos, contando tamén cun modo competitivo no que os xogadores se reparten en 2 equipos de 4 xogadores que teñen que protexer a súa base e atacar a base inimiga.

Tráiler de lanzamento de Minecraft Legends

PUBLICIDADE