Xa está á venda para PS3 o xogo God of War: Ascensión

xoves, 14 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Despois de 3 xogos para consolas domésticas e 2 para PSP, o público seguía pedindo unha ración máis das aventuras de Kratos, polo que a saga de God of War, pese a ter un final pechado, optou por unha precuela para poder seguir enriquecendo a historia da Pantasma de Esparta, que esta semana chega ás tendas de videoxogos a un prezo de venda recomendado de 69,99 euros (aínda que é doado de atopar en tendas españolas a prezos por debaixo dos 60 euros).
O xogo sitúase despois de que Kratos asasinase á súa muller e á súa filla manipulado polos deuses, emprendendo unha loita contra si mesmo para conseguir a redención, o que tradúcese nunha sucesión de combates épicos nos que o protagonista terá que acabar con criaturas mitolóxicas arrepiantes e resolver quebracabezas. Pero a grande novidade de God of War: Ascensión non é a súa historia, senón o feito de que conta cun modo multi-xogador, o que nunca acontecera nesta saga, e que permite participar en combates de ata 8 xogadores a través da Internet, para o que cada usuario pode crear o seu propio personaxe (elixindo aspecto, armas e deus ao que servir) o que fará que este título permita moitas máis horas de diversión que os seus antecesores, servindo así de despedida da saga na actual xeración de consolas de videoxogos.


Anuncio de televisión do xogo

PUBLICIDADE