Xa está á venda o xogo de 3DS Heroes of Ruin

venres, 15 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas o xogo de n-Space para a Nintendo 3DS Heroes of Ruin, que leva o xénero do action RPG de alxubes ás consolas portátiles, permitindo competir ata a 4 xogadores á vez, dando lugar a unha experiencia comparable á da saga de Diablo, pero coa vantaxe de poder levar as partidas máis aló do PC.
Este xogo editado por Square Enix permite tanto emprender unha aventura en solitario en modo local ou conectarse á Rede para poder gozar dun emocionante modo multi-xogador no que varios guerreiros unirán forzas para derrotar a numerosas criaturas que van xurdindo no camiño.

Un dos tipos de personaxe que poderemos elixir será o pistoleiro

Os xogadores poderán elixir entre 4 tipos de personaxe (pistoleiro, vindicador, alquitecta e salvaxe) para personalizar a súa aparencia e ir mellorando as súas habilidades e equipamento segundo avanza a historia, que aparte dunha trama principal na que debemos liberar a Lor Atraxis, fundador da cidade de Nexus, dunha maldición que o fixo caer enfermo, tamén poderemos atender a moitas misións paralelas que van xurdindo no camiño.
Antes de acudir á tenda a facerse con este título que aspira a ser un dos grandes éxitos do verán, podemos descargar de balde da eShop a versión de demostración do xogo, que nos permitirá facernos unha boa idea da experiencia de xogo que transmitirá a súa versión completa, que incluso contará con misións especiais que se engadirán durante todo un ano como descarga, o que garante moitas horas de xogo.

En Heroes of Ruin haberá que derrotar a numerosas criaturas
Heroes of Ruin está considerado como o Diablo de 3DS

PUBLICIDADE