Xa dispoñible en galego o xestor de contidos XOOPS

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

O xestor de contidos XOOPS, un sistema de administración (CMS) libre, flexible e, segundo afirman os seus creadores, “doado de usar”, vén de ser lanzado en galego, a partires dunha tradución realizada por Eduar Gaza que se pode descargar a través da web de Sourceforge.net
O XOOPS está lanzado sobre os termos da licenza GNU (GPL) e foi concebido usando a linguaxe de programación PHP para permitirlle aos administradores, entre outras cousas, manexar sitios web dinámicos, construir comunidades en liña, xestionar usuarios, modificar a estrutura do sitio ou prover de contidos, de xeito doado e a través dunha intefaz sinxela.
Segundo aseguran en Ciberirmandade da fala, este xestor de contidos “manexa todo o difícil deixándote en liberdade para te concentrares no contido do teu sitio”.
Mancomún tamén se fixo eco da nova e na súa web puidemos ler, esta mesma mañá, que esta ferramenta representa “unha solución ideal para quen non queira depender de terceiros para a implantación e a administración dun portal propio”.
As críticas lanzadas pola comunidade galega para con este xestor son pois moi positivas e constructivas. A elas temos que engadir que co lanzamento da ferramenta en galego, esta vai ser, se cabe, aínda moito máis atractiva para os usuarios do noso país comprometidos coa causa da língua.

PUBLICIDADE