Wolfram Alpha estreáse en probas coma un buscador de coñecemento computacional

luns, 18 de maio do 2009 Marcus Fernández

Wolfram Alpha é capaz de atopar a resposta á vida, o Universo e a todo (42)

Stephen Wolfram, director xeral de Wolfram Research e creador do popular programa de cálculo Mathematica, quere revolucionar a Internet cun novo buscador que funciona con linguaxe natural e busca coñecemento computacional, ou sexa, que non competiría con Google atopando páxinas web, senón que serviría para localizar información moi concreta e que xa está dispoñible en probas.
O Wolfram Alpha recolle información de diversas fontes e as converte en datos obxectivos, para facilitar o seu tratamento e localización, o que ten un grande valor especialmente para científicos e investigadores, permitindo explorar datos que van dende a mera curiosidade ata a os grandes descubrimentos da ciencia.
Os resultados os que permite acceder este novo buscador son abraiantes, pois podemos introducirlle unha data para que nos dea datos concretos sobre a mesma, se citamos localizacións pode darnos datos que van dende a altitude sobre o nivel do mar ata a poboación, compara cotizacións bolsistas, compara películas, presenta o resultado de ecuacións matemáticas (incluso coa súa representación gráfica), determina onde está xeograficamente o usuario, atopa a resposta á vida, o Universo e a todo (parafraseando a Guía do Autoestopista Galáctico) e moitos outros exemplos impresionantes.
¿Qué é entón o Wolfram Alpha? Non podemos cualificalo nin coma un Google, nin coma unha Wikipedia, senón que é unha especie de buscador intelixente capaz de responder preguntas doadas e que mellorará co tempo segundo vaia enriquecendo as súas bases de datos (e incorporando novos idiomas, pois polo momento só entende o inglés), sempre que sexa capaz de manterse activo, e non siga os pasos de servizos coma Wikia Search.

PUBLICIDADE