Windows Phone 8 estrea un cliente non oficial de Gmail

luns, 18 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Google non ve con moi bos ollos a plataforma móbil de Microsoft, posiblemente por considerar que é unha competidora directa de Android, o que resulta evidente pola carencia de aplicacións oficiais da compañía de Mountain View para Windows Phone, o que leva a terceiros a atender a demanda do público, de aí que vexa a luz MetroMail, a primeira aplicación de calidade deseñada para facilitar o acceso a Gmail dende Windows Phone.
Aínda que o servizo de correo de Gmail pode empregarse directamente dende a aplicación nativa de correo do móbil, o uso dunha aplicación específica supón grandes vantaxes, especialmente se accedemos a Gmail dende múltiples dispositivos.
MetroMail permite arquivar mensaxes, destacalas e etiquetalas; conserva os fíos de conversa cando respondemos a un e-mail; permite buscar entre as mensaxes almacenadas por Gmail; conta coa posibilidade de alertar de novas mensaxes mediante notificacións; permite ao usuario elixir entre distintos enderezos de remite (como na versión web de Gmail); amosa axeitadamente as mensaxes formateadas en HTML; e incluso pode encadear múltiples contas baixo un único contador de mensaxes sen ler (para o seu uso nunha baldosa activa ou na pantalla de desbloqueo).
Aínda que a aplicación aínda ten bastante marxe de mellora, é unha das mellores solucións para acceder a Gmail dende os móbiles con Windows Phone, con principal atranco de que estamos ante unha aplicación de pagamento (0,99 euros) que polo momento carece de opción de proba (que espérase que chegue nas vindeiras semanas).

PUBLICIDADE