Windows Phone 8 estrea un simulador de granxas

mércores, 20 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Incrementando a oferta de xogos para Windows Phone 8, dende GIANTS Software sorpréndennos estreando Farming Simulator para dispositivos móbiles baseados no último sistema operativo móbil de Microsoft, de xeito que os usuarios que queiran gozar da experiencia virtual de cultivar os seus campos con distintos vehículos presentados en tres dimensións non terán que estar atados ao escritorio informático, senón que poderán levar o xogo no peto, podendo aproveitar pequena pausas para por en marcha o seu negocio agrario, arando e cultivando os campos, elixindo as sementes (de millo, trigo e colza), fertilizar e vender as colleitas e investir as ganancias en novo equipamento.
No Farming Simulator tamén contaremos con axudantes dixitais, que realizarán os traballos que se lles asigne, para organizar a granxa dun xeito eficiente e poder manter o máximo beneficio. O xogo desenvólvese nun mundo aberto con ciclo dinámico de día e noite, facilitando o converternos nun agricultor de éxito no seu modo de xogo libre.
Este xogo está á venda por 3,49 euros para Windows Phone 8, contando tamén con versións para Android e para iOS, con pequenas diferenzas, pero que gozan de bastante sona (en Android rexistrou máis de 100.000 instalacións).

No xogo poden empregarse máquinas agrícolas de marcas reais (DEUTZ-FAHR, KRONE, KRAMPE, AMAZONE, LEMKEN e KOTTE)

PUBLICIDADE