WhatsApp estrea aplicación para BlackBerry 10

mércores, 13 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días chegou a España oficialmente o terminal BlackBerry 10, cunha grande eiva que vén de ser corrixida, pois WhatsApp vén de estrear versión nativa para BlackBerry 10, que con número 2.9.3733 está dispoñible para a súa descarga de balde en BlackBerry World, facilitando que os usuarios dos novos terminais de BlackBerry poidan empregar a popular plataforma de comunicación de WhatsApp aproveitando á vez funcionalidades como BlackBerry Flow.
A nova aplicación de WhatsApp conta con notificacións push en tempo real, de xeito que avísase ao usuario cada vez que recibe unha mensaxe aínda que a pantalla do móbil estea bloqueada. A ferramenta intégrase cos axenda de contactos de BlackBerry (para poder comunicarse de xeito doado cos coñecidos que tamén empreguen WhatsApp) como tamén acontece noutras plataformas, o que é un dos seus puntos fortes. Queda agora por ver se competidores como LINE tamén actualizarán o seu software para adaptarse aos últimos dispositivos de BlackBerry.

PUBLICIDADE