WhatsApp Web xa está dispoñible para iPhone

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Aínda que WhatsApp é unha ferramenta de mensaxería instantánea que está pensada para funcionar exclusivamente dende un único smartphone, a primeiros de ano estreou unha solución oficial para poder acceder ás nosas conversas no móbil a través do ordenador valéndonos dunha páxina web que facilitaba o control remoto da aplicación nas súas versións de Android, Windows Phone, BlackBerry e Nokia S60/S40, deixando fóra ao iPhone, pero nas últimas horas esta mesma web indica que xa é posible salvar este obstáculo, e xa sería compatible co smartphone de Apple.
Esta nova funcionalidade está a distribuírse entre os usuarios de iPhone, de xeito que en poucas horas debería estar dispoñible en todo o mundo. Cando se activa a funcionalidade os usuarios ven como no menú de configuración da aplicación aparece un apartado chamado WhatsApp Web que facilita o escaneo do código QR que vinculará o teléfono co navegador web no que esteamos a acceder á páxina web que facilita o acceso remoto a WhatsApp.
Cómpre lembrar que estamos ante unha solución que simplemente facilita o acceso remoto a WhatsApp dende a mesma rede local, pois non se trata dunha versión web do servizo, de xeito que se o teléfono se desconecta da nosa rede doméstica deixará de estar dispoñible o noso WhatsApp dende o ordenador. Os usuarios tamén poden elixir se deixan que as sesións de WhatsApp Web caduquen tras a conexión o seu manteñan abertas sempre que sexa posible (o que resulta especialmente cómodo no fogar, para non ter que andar a escanear o código QR en pantalla cada vez que queiramos acceder a WhatsApp).

PUBLICIDADE