WhatsApp xa pode controlarse dende o ordenador a través de Chrome

mércores, 21 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Que estes días WhatsApp estivese a adoptar medidas drásticas contra aplicacións cliente para o seu servizo dependentes de terceiros daba a entender que esta plataforma agora propiedade de Facebook estaba a preparar algunha novidade sobre a que quería manter o control, e finalmente temos unha grande novidade que moitos recibirán con grande agrado: a posibilidade de empregar o WhatsApp do noso móbil a través do navegador web do noso ordenador.
En WhatsApp Web temos así unha extensión do noso teléfono que reflexa as conversas es os mensaxes que ten o noso dispositivo móbil nun navegador Chrome tras ligar o noso equipo co noso móbil mediante o recoñecemento dun código QR que aparecerá na pantalla do ordenador. Ao vincular WhatsApp Web co WhatsApp do teléfono permítese o uso da ferramenta de correo instantáneo dende o ordenador, manténdose o vencello entre ambos dispositivos mentres o teléfono conserve a conexión á Internet, aínda que polo momento esta prestación só está dispoñible para usuarios de Android, Windows Phone e BlackBerry que teñan instalada a última versión de WhatsApp, quedando os móbiles de Apple fóra polas restricións propias de iOS.
Durante moito tempo os usuarios demandaban un cliente de WhatsApp para equipos informáticos, o que suporía un cambio bastante drástico do funcionamento da aplicación, o que levou a esta curiosa saída: ofrecer unha aplicación web que realmente accede aos contidos que WhatsApp ten no teléfono, de xeito que a ferramenta continúa a ter un único smartphone como núcleo, pero facilitando que, cando esteamos diante do ordenador, poidamos aproveitar que temos unha grande pantalla e un cómodo teclado físico para interactuar cos nosos contactos a través de WhatsApp dun xeito máis áxil.

PUBLICIDADE