WeChat supera os 235 millóns de usuarios activos

mércores, 14 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Onte mesmo comentabamos que WeChat está a ter un grande crecemento internacional grazas a unha forte campaña publicitaria, presumindo de ter 300 millóns de usuarios rexistrados, pero hoxe a súa empresa matriz, Tencent, pon os datos en negro sobre branco ao anunciar os resultados do segundo trimestre de 2013, que rematou con 235,8 millóns de usuarios mensuais activos entre WeChat e Weichin (a versión chinesa do servizo) o que supón un crecemento interanual do 176,8% (e trimestral do 21,3%). Estes datos son posibles grazas a que a compañía consegue liderar o seu sector en China, polo que pode considerarse como un digno competidor de WhatsApp, aínda que en mercados distintos e pouco intercomunicados.
Durante este mes están a renovar Weixin e WeChat para integrarlle servizos como xogos en liña, adhesivos e pagamentos, co que esperan crear novas oportunidades de negocio.
Resulta difícil predicir como quedará o sector da mensaxería instantánea en dispositivos móbiles ante a grande competencia que está a vivir, con grandes xogadores como WhatsApp, Viber, LINE e WeChat, aos que tamén se suman outras plataformas como Facebook e Google, que tamén queren mellorar o seu uso dende o móbil.

PUBLICIDADE