Vyclone achega a gravación multi-ángulo a Windows Phone 8

venres, 10 de maio do 2013 Marcus Fernández

Windows Phone 8 recibiu hoxe a aplicación de balde Vyclone que facilita a mestura de gravacións de vídeos tomadas por distintos móbiles ao mesmo tempo (por exemplo, durante un concerto) de xeito que en vez de gozar só da gravación feita co noso dispositivo podemos crear unha produción elixindo os mellores ángulos para cada momento, conseguindo un resultado moi televisivo. Todo este proceso é sumamente áxil e doado de realizar dado que esta solución permite sincronizar os distintos vídeos dun xeito case instantáneo.
Un dos detalles máis interesantes de Vyclone é que os vídeos que gravemos con esta ferramenta (cunha duración máxima de 3 minutos) poden etiquetarse e subirse aos servidores de Vyclone, indicando a localización e a data nas que se gravou o vídeo, o que permítenos ver outros vídeos gravados no noso contorno (podendo elixir o usuario que quere que a súa gravación sexa pública ou privada). Temos así unha ferramenta social tanto para a gravación colaborativa como para a súa difusión a través das plataformas sociais máis populares.
O sistema de edición de Vyclone funciona tanto dende a aplicación como vía web e non é destrutivo, de xeito que en cada momento pode facerse unha nova mestura, seleccionando outras tomas da gravación multi-cámara, polo que cada usuarios pode desenvolver a montaxe ao seu gusto.
Para facer aínda máis atractiva esta solución, tamén está dispoñible para Android e para iOS, polo que é moi probable que nun evento poidan coincidir moitos usuarios con dispositivos móbiles que poidan captar en vídeo os mellores momentos para conservalos logos dun xeito moito máis completo do que estamos afeitos.

Vyclone ten compoñentes sociais que melloran o seu atractivo

PUBLICIDADE