Vodafone presenta unha tarifa plana para móbiles de 12 euros ao mes

martes, 30 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Vodafone move ficha a prol de ampliar en certa maneira as dimensións dunha habitación até o de agora cara de máis e, aínda por enriba, pequena: a da conexión a Internet a través do teléfono móbil. Máis polo miúdo, a operadora vén de anunciar a primeira tarifa plana para teléfonos móbiles, permitindo a través desta oferta un acceso á Rede e sen límites por 12 euros ao mes. A tarifa, que abrangue todo labor de navegación no móbil, figura acompañada dun engadido extra encamiñado a xerar aínda máis interese: os usuarios que se rexistren na nova oferta da operadora antes do remate do mes vindeiro, terán á súa disposición un mes de acceso ás redes de balde, acceso que inclúe todo o que se faga a través do portal Vodafone Live.
Con todo hai máis novidades que a tarifa acabada de presentar. Por exemplo, a renovación do devandito portal, que incorpora novos servizos como o ZYB, unha ferramenta que lle posibilita ao usuario dispor dunha copia en liña de todos os seus contactos e da propia axenda do móbil. Con este fin, afiánzase a interoperatividade entre aquela, a web e o propio terminal, reflectíndose ao momento nestas dúas últimas canles calquera variación que se faga na axenda: cambios de citas, inclusións de aniversarios.

PUBLICIDADE