Vodafone chega a un acordo preliminar para a compra de Ono

venres, 7 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Reuters publicou hoxe que Vodafone mellorou a súa oferta polo grupo Ono, conseguindo así chegar a un principio de acordo co grupo de accionistas que controlan a principal operadora de cable en España. A xuntanza dos accionistas de Ono co conselleiro delegado de Vodafone teríanse desenvolvido onte, esperando que durante a fin de semana Vodafone inicie “un proceso de due diligence de Ono a fin de ultimar unha oferta vinculante”, segundo unha das fontes consultadas pola axencia de comunicación.
O mes pasado Vodafone ofrecera 7.000 millóns de euros por Ono, cantidade considerada como insuficiente polos accionistas, e que só podería mellorarse ata o vindeiro 13 de marzo, cando está convocada unha reunión dos accionistas de Ono para validar a saída a bolsa da compañía (o que bloquearía a compra por parte de Vodafone).
A compra de Ono por parte de Vodafone tería un claro valor estratéxico, por permitir incrementar a súa cota no mercado da banda larga do 7,5 ao 21%, á vez que suporía a incorporación de 1,1 millóns de clientes móbiles de Ono, mellorando tamén a súa posición no sector do 24,8 ao 26%.

PUBLICIDADE