Vigo quere conectar coa cultura xaponesa no mes de xullo

xoves, 18 de maio do 2023 Marcus Fernández

Resulta curioso que na cidade da Coruña se celebren anualmente un par de edicións ExpOtaku, Hobbycon e Japan Weekend, centrados na cultura asiática e na oferta de lecer alternativa na que tamén están os videoxogos, mentres que no resto de Galicia este tipo de eventos son case anecdóticos e con dificultade para manterse no tempo, de aí que non serán poucos os que reciban cos brazos abertos a Kokoro Japan Expo, celebración que terá lugar no Centro de Congresos e Eventos IFEVI os días 8 e 9 de xullo, prometendo converter Vigo no centro da cultura popular xaponesa.

No evento poderase gozar de numerosas máquinas recreativas xaponesas

Esta celebración quere acoller a amantes do manga, o anime, os videoxogos e o cosplay para participar nun amplo programa de actividades, que van dende exposicións e obradoiros até torneos de videoxogos e concursos de cosplay. Non só terán espazo para xogos modernos, senón que tamén reservarán un espazo para os xogos retro, buscando así que os asistentes poidan lembrar xogos clásicos da súa infancia.

A cosplayer internacional Manzana Chruse acudirá á Kokoro Japan Expo

Actualmente a organización do evento está a adiantar detalles sobre o mesmo, como que van ter dispoñibles máquinas recreativas xaponesas (dende clásicos como Street Fighter II ou Pac-Man até as últimas novidades tecnolóxicas), artistas convidados como o Spider-Man de Vigo, as cosplayers internacionais Manzana Chruse e Mao e a pianista e streamer Elesky. Sen dúbida, interesantes anticipos que animarán a moitos a acudir a cita para a que xa poden facerse cun billete en liña, custando 9 euros/día ou 15 euros ambos días.

A pianista e streamer Elesky confirmou a súa visita a Vigo

PUBLICIDADE