Vieiros.com bota o peche tras máis de 14 anos de actividade na Internet

sábado, 24 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A primeiros de 1996, cando a xente tiña que facer uso de lentos modems telefónicos para poder acceder aos contidos dunha web incipiente, nacía Vieiros, coma un medio de comunicación que ofrecía información en galego na Internet e que identificábase cara ao mundo coma The Galician District (o barrio galego na Internet), de xeito que podía percibirse coma o decano da prensa dixital galega á vez que tomaba o papel de referente como espazo web en galego, ao que moitos miraban coma se fose a estar aí sempre, o que finalmente demostrou ser un espellismo, pois nas últimas horas o editor de Vieiros, Lois Rodríguez, escribiu un artigo titulado Até sempre no que anunciaba a despedida desta cabeceira electrónica, de xeito que tras máis de 14 anos esta aventura chega á súa fin.
Non son poucos os proxectos galegos na Internet que foron caendo nos últimos anos, e mesmo o mes pasado era cando diciamos adeus a GZnación, polo que poderiamos estar ante unha crise que afecta profundamente a un sistema mediático que aposta por unha lingua local que limita a súa audiencia e a súa difusión ao dar prioridade a unha identidade propia. Con estas últimas desaparicións a nivel autonómico quedarían só 3 diarios electrónicos de ámbito xeral monolingües en galego: Galicia Hoxe, De Luns a Venres e A Nosa Terra.
A fin de Vieiros non está exenta de polémica, en boa medida por non ser un medio rendible en ningún momento (pese a contar con máis de 20.000 lectores diarios), precisando sempre de recursos dunha empresa secundaria coa que compartía accionariado, e que o ano pasado enfrontouse a unha crítica situación ao detectarse na mesma irregularidades económicas e administrativa moi graves que aínda non se resolveron xudicialmente, o que provocou unha situación na que a viabilidade económica do proxecto era imposible.

PUBLICIDADE