Abanca, primeira banca estatal en habilitar tecnoloxía de chaves de acceso na banca móbil

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

Abanca vén de implantar no seu seo unha avanzada ferramenta criptográfica que a situaría, segundo fontes da entidade bancaria galega, como a primeiro do ámbito estatal en habilitar tecnoloxía de chaves de acceso na banca móbil para reforzar a seguridade dos clientes. Trátase de Chave Abanca, un servizo dixital de verificación de identidade baseado na tecnoloxía de chaves de acceso (tamén coñecida como Passkey, en inglés), que, como dixemos, blinda as operacións a distancia e protexe a información confidencial do cliente.
A un nivel máis concreto a entidade engade que Chave Abanca achega ao cliente “un factor adicional de seguridade nas súas operacións desde a súa banca móbil” e “axúdalle a protexer as súas credenciais fronte a intentos de suplantación como phishing e outras técnicas fraudulentas”. Así, grazas a este sistema, o cliente poderá verificar a súa identidade a través dos seus datos biométricos (cara ou pegada) ou o PIN do seu dispositivo móbil, sen necesidade de comprometer as súas claves persoais nin de introducir contrasinais dun só uso para validar envíos de diñeiro ou pagos.
Respecto a como tirar partido deste servizo, unha vez que o cliente configure Chave Abanca desde a aplicación móbile, quedará activa no dispositivo e servirá ao usuario para confirmar a súa identidade de “forma sinxela, áxil e segura”, explica Abanca, engadindo que “a chave de acceso solicitaralle o método de desbloqueo do dispositivo (cara, pegada dactilar ou PIN) para autenticar as súas credenciais no momento de realizar operacións importantes como transferencias, envío de diñeiro a través de Bizum ou creación de tarxetas virtuais, entre outras”.
Ademais, con este sistema, unicamente o cliente terá acceso á súa Chave, “xa que permanecerá exclusivamente no seu dispositivo móbil e nunca se compartirá co banco”.
Para José Manuel Valiño, director xeral de IT, Procesos e Operacións de Abanca, “Chave Abanca proporciona aos clientes o maior nivel de protección nas súas operacións a distancia mantendo a mesma experiencia de usuario, e supón un paso máis no noso compromiso fronte ao ciberfraude”. Subliña que “incorporar a chave de acceso de maneira pioneira para o sector supuxo un importante desafío de deseño e tecnolóxico para os nosos equipos, e cremos que pronto será o estándar do mercado para blindar a verificación de identidade dos clientes de forma áxil e sinxela”.
Chave Abanca xa está dispoñíbel para máis de 5.500 clientes de banca móbil do banco, e estenderase de forma gradual a todos os usuarios da aplicación móbil. A entidade ten previsto habilitar o servizo noutras plataformas do banco como na banca electrónica.

PUBLICIDADE