Verbatim presenta un disco Blu-ray imprimible de 25 xigabytes

mércores, 27 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A compañía de desenvolvemento de dispositivos para o almacenamento de datos, Verbatim, vén de presentar o seu novo disco Blu-ray 4x de 25 xigabytes que pode ser gravado por completo nuns 23 minutos. Este dispositivo foi producido pola súa empresa matriz, Mitsubishi Kagaku Media (MKM) na fábrica de discos ópticos de MKM de Mizushima, Xapón, e segundo os seus creadores “seguindo os máis altos estándares de calidade”.
A innovadora capa de gravación empregada para a fabricación dos discos BD-R Verbatim garante a calidade de gravación en toda a superficie do disco sen que importe que este sufra flutuacións no subministro eléctrico ou teña manchas na superficie.
Para acadar a velocidade de gravación 4x, MKM baseouse na tecnoloxía Metal Ablative Recording Layer (MABL), desenvolvida para a primeira xeración de discos BD-R e deseñados para asegurar unha gravación estable. O representante de marketing de Verbatim, Torsten Leye asegurou que grazas á mellora da sensibilidade de MABL, “acadouse unha velocidade de gravación máis alta, a garantía dunha excelente compatibilidade e unha vida de arquivo máis prolongada”.
A superficie imprimible do disco pode ser personalizada de xeito doado e a área de impresión sitúase entre os 40 e os 118 mm dende o centro do disco.
Asemade, a capa de protección hard-coat, patentada por Verbatim e aplicada aos discos BD, ten unhas propiedades “anti-estáticas” e “anti-rabuñaduras” que lle proporcionan unha protección alta fronte a posibles raias, pegadas dixitais e partículas de po que se poden producir durante o emprego normal do produto.
“Ó combinar a capa de gravación patentada por MKM maila capa de protección hard coat, di Leye, os usuarios de discos BD Verbatim poden estar seguros de estar a empregar discos da máis alta calidade”.

PUBLICIDADE