Veciños de Cambados impiden por segunda vez a posta en marcha dunha antena de telefonía móbil

mércores, 25 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Sobre a instalación de antenas de telefonía móbil nas vilas e cidades, semella que non todas as veciñanzas acaban de amosarse cen por cen tranquilas respecto ás supostas consecuencias que poden traer para a saúde. O problema e o debate, que veñen de lonxe (dende o principio desta tecnoloxía), é unha desas cuestións que traen crebadeiros de cabeza a todo aquel que se posiciona, sexa a favor ou en contra: quen diga que as instalacións son inocuas para o ser humano terá enriba súa (de contado) á facción contraria coas súas investigacións feitas ao respecto, e quen sosteña que son perniciosas, arríscase a que a outra parte lle pase polos fociños a listaxe de estudos feitos para probar precisamente que son inofensivas. Enleadas aparte, e sen metérmonos directamente en cal é a opción máis probable, semella que o debate e o enfrontamento non rematou. Así se deduce do que vén de acontecer en Cambados, onde segundo informa La Voz, por segunda vez consecutiva os veciños da parroquia de Castrelo impediron aos técnicos a instalación final dunha antena na área da Valada.
Á infraestrutura, que xa está disposta, fáltalle neste intre o subministro eléctrico para comezar a operar, e aí precisamente é onde actúan os veciños.
Entre os motivos que esgrimen as persoas desta parroquia na súa loita particular contra a telefonía (ou, máis concretamente, contra o lado máis ameazante da telefonía, alén das facturas a fin de mes) atopamos conclusións semellantes ás de iniciativas previas (como a campaña levada a cabo no barrio da Almáciga en Santiago de Compostela, por exemplo): a infraestrutura está moi preto das súas casas e máis polo miúdo dun colexio. Tendo en conta isto, e tendo en conta que ao seu xuízo non se atopan respaldados polas autoridades ou por as entidades que teñan competencia ao respecto, decidiron xa en dúas ocasións (a primeira foi en decembro) actuar pola súa propia contra, enfrontándose aos técnicos que tentaban achegar subministro eléctrico.

PUBLICIDADE