VLC chega a Apple TV

martes, 12 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A chegada do novo Apple TV, dispositivo conectado ao televisor que finalmente contaba con soporte oficial de aplicacións, tiña actualmente como estrelas a Netflix e Plex, pero dende as últimas horas hai unha nova ferramenta que promete gañar o corazón dos propietarios deste trebellos de Apple, xa que finalmente está dispoñible o reprodutor VLC para Apple TV.
Esta nova aplicación permite a reprodución de numerosos ficheiros multimedia, incluíndo a navegación por capítulos, a selección entre varias pistas de idioma e a visualización de subtítulos, que poden achegarse a través de UPnP, de ficheiros compartidos dende ordenadores con Windows, servidores FTP e servidores Plex, coa opción de que as carátulas dos vídeos e os subtítulos se descarguen de xeito automático, o que resulta cómodo e visualmente atractivo. Amais, a aplicación de VLC soporta casting, de xeito que os ficheiros de vídeo poden enviarse ao Apple TV dende calquera navegador web ou aplicación.
VLC para Apple TV aínda está nunha etapa de desenvolvemento inicial, e prevese que en breve incorpore funcionalidades moi prácticas como a integración en servizos na nube como Dropbox, OneDrive e Box.

PUBLICIDADE