Usos, vantaxes e atrancos da sinatura dixital, a debate en Compostela

luns, 15 de decembro do 2008 Raquel Noya

O pasado sábado, día 13 de decembro, a capital galega deu unha cálida acollida (a pesares da choiva e do frío) aos preto de 50 colexiados que asistiron á xornada formativa sobre o Uso da Certificación Dixital e Sinatura Electrónica, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Os relatores que se achegaron ata Santiago de Compostela para dar conta da súa experiencia e coñecementos arredor do emprego deste recurso, coincidiron en salientar que “a difusión destas novas tecnoloxías se enfronta a varios obstáculos, como son os altos custos asociados ou o nivel dos soportes técnicos”, máis apuntaron que as vantaxes derivadas do seu uso “supoñen un gran potencial no eido da eAdministración e nas xestións en liña das empresas privadas”.
Entre os relatores e relatoras convidados a participar na sesión, Paz Cariñena Amigo e Gonzalo Mateo Sixto, da empresa Bahía Software, coincidiron en afirmar que pese a que hai xa tempo que se fala de sinatura dixital, “na práctica esta tecnoloxía aínda está en proceso de implementación”.
Na xornada púxose de manifesto que as administracións públicas son as que máis apostan polos servizos baseadas nela pero, pola contra, no eido privado o seu desenvolvemento está menos acelerado, en boa medida polos enormes custos asociados que significa implantar esta tecnoloxía. Como exemplo, o secretario do CPEIG, Juan Antonio Valiño, explicou como a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, entidade pública, impón unha alta cota económica a aquelas entidades privadas que desexan empregar a sinatura dixital nas súas organizacións.
Asemade, outra das conclusións ás que chegaron os relatores convidados foi que os dispositivos que soportan a sinatura dixital aínda non dispoñen dun bo nivel de soporte técnico e independente da plataforma que empregue o usuario final pois, segundo apuntou o secretario do CPEIG no seu relatorio, “o propio DNI electrónico conta na actualidade cun pésimo soporte nas plataformas baseadas en software libre, por exemplo GNU/Linux”, e na práctica, continuou, “son case unicamente utilizables en plataformas baseadas en Microsoft Windows”.
Segundo se puxo de manifesto ao longo da mañá, o uso da certificación dixital, garante: por unha banda, a identidade do remitente ou autor; por outra, que o seu contido non sexa visualizado por terceiras persoas non autorizadas e, ademais, que non sexa modificado con posterioridade ao seu envío. As tres características sinaladas denomínanse “autenticidade, confidencialidade e integridade” respectivamente e aseguran unha “mellora na produtividade e simplificación das actividades que teñen lugar no día a día das organizacións públicas e privadas”.

PUBLICIDADE