Unha xornada explorará as posibilidades da realidade estendida

luns, 4 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol, dependente da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Industria e Innovación, organiza o vindeiro 19 de setembro o evento Explorando os límites do Hardware RX, no que diversas empresas e centros de coñecemento de recoñecido prestixio amosarán ao público asistente como están utilizando distintos hardware de realidade virtual, aumentada e mixta. Na xornada, dirixida a profesionais, poderanse comprobar as capacidades dos distintos equipos e decidir cales se axustan mellor ás necesidades de cada empresa.
O evento, de carácter presencial, desenvolverase en horario de 9:00 a 19:00 e incluirá charlas temáticas, mesas redondas, reunións B2B entre profesionais, empresas e futuros profesionais. Ademais, contará con espazos expositivos de empresas e entidades relevantes de diversos sectores que amosarán as súas achegas con tecnoloxías RX.
O CIS Tecnoloxía e Deseño ten, entre outras misións, impulsar a innovación, tanto en empresas como en entidades do ecosistema galego de I+D+i, co obxectivo de xerar valor económico, social e sustentable. Esta actividade é gratuíta, previa inscrición (aberta até o día 18), e ten un aforo máximo de 250 persoas.

PUBLICIDADE