Unha nova aplicación para iPhone recolle receitas de 18 blogueiros gastronómicos

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Os afeccionados á cociña teñen moitas posibilidades na web á hora de descubrir novas receitas e compartir experiencias con persoas con inquedanzas semellantes, o que levou a 18 blogueiros gastronómicos a abrir as súas cociñas e compartir os seus recordos e pratos para distintas ocasións (cociñar para os amigos, momentos íntimos, mañás no mercado, o día a día no traballo ou na escola…) a través dunha aplicación para iPhone (optimizada na súa última versión para o iPhone 4) que pretende emular os cadernos que as nosas nais e aboas elaboraban con receitas propias e recortes de revistas.
Open Kitchen ESP é unha aplicación que está á venda por 1,59 euros na App Store, chegando a situarse no primeiro posto de España entre as aplicacións de pagamento na categoría de Estilo de vida (e no posto 37 en xeral), o que é todo un logro para esta ferramenta móbil con corazón galego, pois parte dunha idea de Rodrigo Varela Tabuyo, o blogueiro que está detrás de Por mis fogones, contando tamén co deseños de aplicación e web dos galegos Marta Paz e Artur Cousiño.
Esta iniciativa pioneira en España recolle máis de 250 receitas típicas de cada comunidade, «contadas e cociñadas con todo o cariño»
, e atópanse clasificadas en 12 categorías, divertidas e orixinais.
Os blogs que uniron as súas forzas nesta aplicación para iOS son os seguintes:
- Fashion, fusion and food
- Con los cinco sentidos
- La cuina vermella
- Chafardeando en la cocina
- Pirata de Ikea
- Pasen y degusten
- Tentaciones
- Coses de Can Loi i altres herbes
- Los pecados del monaguillo
- A ver qué cocinamos hoy
- Con delantal
- Mercado Calabajío
- A las 3 de la tarde
- Recetas de rechupete
- Webos fritos
- El monstruo de las galletas/
- El comidista
E para dar a coñecer esta orixinal aplicación, o seu máximo responsable tivo a ben gravar un vídeo moi orixinal no que prepara 18 blogueiros á pota para iPhone:

PUBLICIDADE