Unha mala crítica a un xogo en liña esperta a polémica

martes, 12 de maio do 2009 Marcus Fernández

Unha mala crítica pode afectar seriamente á comercialización dun videoxogo, pero algunha xente non quere ter que afrontar tales consecuencias, e así unha análise do xogo de rol masivo Darkfall Online realizada por Ed Zitron para Eurogamer na que o título quedaba realmente mal (levou unha puntuación de 2 sobre 10) levou aos seus desenvolvedores a denunciar que o crítico só utilizara o xogo durante 2 horas (algo claramente insuficiente para unha análise en profundidade) ao que replicou Zitron dicindo que xogou durante 9 horas, tralo que tivo que deixalo porque non puido aturar máis un xogo tan malo.
Esta disputa levou a moitos seguidores de Darkfall Online a declarar a guerra á web de Eurogamer (superando o milleiro de comentarios), o que non fai máis que botar madeira ao lume, e pese a que dende Eurogamer están dispostos a repetir a análise, agora son os responsables do xogo os que non queren unha segunda opinión, o que podería responder directamente ao temor de acadar outra crítica moi negativa, pois o xogo tampouco está a espertar moitas simpatías en distintos foros que podemos ver na Rede, e certas valoracións excesivamente positivas sobre o título resultan cando mínimo sospeitosas.
As compañías deberían ser máis coidadosas nas súas reaccións ás críticas, e o caso de Adventurine é todo un exemplo do que non debe facerse, pois unha mala crítica pode pasar desapercibida, pero unha polémica ao seu redor só a magnifica, deixando quedar a Darkfall Online coma un dos peores títulos do ano, definido por Ed Zitron coma «o traxe novo do emperador», que estaría contaría cun mal sistema de control e cun motor que parece de hai 10 anos.

PUBLICIDADE