Unha festa achegará fondos para o novo proxecto de Arredemo.info

mércores, 6 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Varios artistas galegos danse cita este venres, día 8 as 21:00 horas, no Teatro Principal de Santiago, nunha festa de apoio á Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo. A festa ten por obxectivo recadar fondos (a entrada custa 5 euros) para o novo proxecto do Portal de Comunicación Arredemo, portal de información libre e independente ao servizo do tecido socio-cultural do país, e contará coa presenza de Quico Cadaval, Narf, Chévere, Clara Gayo, Pista Catro, Os da Ría, e Carlos Santiago.
Durante a festa darase a coñecer a Asociación que dá base ao Portal, e que ofrece distintos servizos a persoas e colectivos do eido socio-cultural, como o aloxamento de webs, a libre distribución de creacións artísticas e o desenvolvemento de proxectos sociais e culturais.
A Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo presenta así publicamente o seu terceiro proxecto, despois de case catro anos de actividade, nos que se constituíu como unha referencia dentro dos movementos sociais e culturais galegos.
A festa é o primeiro acto dunha campaña destinada a impulsar a creación do novo Portal de Comunicación, xa en fase de deseño e construción, e conta coa participación desinteresada dos artistas convidados.

PUBLICIDADE