Unha ferramenta galega para aprender idiomas supera as 50.000 descargas en Google Play

mércores, 23 de maio do 2012 Marcus Fernández

O ano pasado demos conta de Escucha y Aprende Inglés, aplicación que naquel momento estreaba versión para iPad, trasladando ao tablet de Apple un método de aprendizaxe de idiomas baseado na escoita binaural que na I Edición dos Premios INNOVA-G xa figurara entre os finalistas na categoría de Mellor idea de negocio 2.0/mellor startup galega; pero esta solución formativa non quixo limitar o seu mercado a reprodutores multimedia e dispositivos con iOS, senón que tamén está presente en Android a través das aplicacións Listen and Learn Spanish e Escucha e Aprende Inglés, que contan con versións de balde e de pagamento (cun prezo de só 1 euro), e nas últimas horas están de celebración, pois a versión gratuíta de Escucha y Aprende Inglés conseguiu superar as 50.000 descargas, deixando constancia do interese que atrae esta ferramenta.
O método Binaurality é unha innovadora metodoloxía educativa baseada na tradución simultánea, centrándose no desenvolvemento da destreza de entender aplicando a escoita binaural, de xeito que polo ouvido esquerdo escoitaremos un idioma coñecido mentres que polo dereito teremos o idioma que queremos aprender. Aínda que para a aprendizaxe de idiomas mediante este método podería chegar cun reprodutor multimedia básico (para reproducir as leccións a través de auriculares) no caso de empregar aplicacións móbiles teriamos un contorno enriquecido cun maior potencial para a aprendizaxe de idiomas dun xeito natural.

PUBLICIDADE