Unha aplicación permite sincronizar o iPhone por Wi-Fi

venres, 14 de maio do 2010 Marcus Fernández

O programador Greg Hughes desenvolveu unha aplicación para o iPhone que permite sincronizar os contidos do móbil de Apple a través de Wi-Fi, de xeito que, sen conectar fisicamente o dispositivo ao ordenador engánase a iTunes para actualizar os contidos entre o ordenador e o móbil, o que era unha prestación demandada polos usuarios dende hai moito tempo, pero que finalmente Apple rexeitou incluíla na App Store, o que levou a Hughes a comercializala por 9,99 dólares a través de Cydia, unha tenda de aplicación dispoñible nos terminais de Apple aos que se fixo jailbreak.
Polo momento Wi-Fi Sync só está dispoñible para equipos con Mac OS X, nos que hai que instalar unha aplicación cliente que é a que establece a comunicación entre o móbil e o ordenador, estando en desenvolvemento unha versión para Windows que estaría dispoñible en entre 8 e 10 semanas.
Resulta rechamante que Apple non permite que os usuarios do iPhone poidan gozar oficialmente dunha prestación que demandaban dende o lanzamento do seu produto (e que permiten dispositivos da competencia coma o Zune HD de Microsoft), polo que non sería de sorprender que futuras actualizacións do iPhone incluísen tal funcionalidade. Estariamos así nun deses casos nos que a política de aprobación de aplicacións de Apple resulta polémica, pois Wi-Fi Sync non infrinxe as normas da tenda de aplicacións directamente, senón que a desculpa para rexeitala foron motivos de seguridade.


Demostración do funcionamento de Wi-Fi Sync

PUBLICIDADE