Un xogo de rol consegue máis de 4,1 millóns de dólares a través de crowdfunding

mércores, 17 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Obsidian Entertainment, compañía detrás de xogos como Star Wars: Knights of the Old Republic II, Neverwinter Nights, Alpha Protocol e Fallout: New Vegas, apuntouse á moda do crowdfunding a través de Kickstarter para achegar financiamento para un xogo de rol isométrico titulado Project Eternity, que sería o regreso da compañía aos seus raizames, buscando xuntar 1,1 millóns de dólares para poder desenvolver este título para PC, Mac e Linux en inglés, francés alemán e español, proposta tan atractiva que levounos a xuntar 3.986.929 dólares (que xunto con outros fondos subministrados a través de PayPal superarían os 4,1 millóns de dólares) converténdose no videoxogo de máis éxito en Kickstarter.
Ata o momento o xogo que conseguira máis cartos a través de Kickstarter fora Double Fine Adventure, con 3.336.371 dólares, cantidade que vén de superar Obsidian en boa medida grazas aos logros anteriores, que están a habituar ao público a este tipo de iniciativas que esixen moita confianza por parte do usuario final, pois os desenvolvementos dos videoxogos non son rápidos, e no caso do Project Eternity non verá a luz ata 2014 (data na que os mecenas recibirán copias do mesmo de pagar a partir de 20 dólares).


Vídeo de presentación do Project Eternity

PUBLICIDADE