Un truco permite descargar contidos estranxeiros dende a Xbox 360

xoves, 26 de outubro do 2006 Marcus Fernández

As consolas de videoxogos veñen empregando restricións xeográficas nos últimos anos de xeito que non se poidan empregar os xogos dun continente en outro, para evitar a importación e exportación dos mesmos (dado que hai distintos prazos de lanzamento dos títulos nos distintos mercados). A Xbox 360 leva este tipo de limitacións á Internet, de xeito que o seu Xbox Live Marketplace, que permite a descarga de trailers e demostracións dos distintos xogos, emprega un sistema de identificación (gamertag) para aplicar as limitacións xeográficas pertinentes, pero uns usuarios avezados atoparon un xeito de evitar a protección, que é tan sinxela coma crear distintas contas indicando que o país do usuario é o Xapón ou EE.UU. (onde se estrean normalmente os xogos) de xeito que coa opción de recuperar gamertag se pode acceder ós xogos descargados de cada rexión.
Non sabemos se este fallo se manterá no tempo, pero seguro que moitos usuarios de todo o mundo estarán contentos de poder descargar as demostracións dos xogos nipóns, que aínda tardarán en chegar a occidente.

PUBLICIDADE