Un shooter baseado en Resident Evil verá a luz en poucos meses

martes, 15 de setembro do 2015 Marcus Fernández

No marco do Tokyo Game Show sorprendeu hoxe Capcom anunciando un xogo da franquía de Resident Evil, pero que baixo o título de Umbrella Corps parece querer deixar claro que vai afastarse do xénero de supervivencia de terror para centrarse na acción, xa que estaremos ante un shooter competitivo en terceira persoa, no que os xogadores deberán desenvolverse en escenarios de guerra consecuencia dos acontecementos dos xogos da franquía, ou sexa, inzados de infectados.
O novo xogo de Capcom está a desenvolverse empregando o motor Unity e vai estrear versións para PC e PlayStation 4 a primeiros do ano que vén a un prezo de 29,99 euros, o que parece toda unha declaración de intencións: buscan un xogo que capte aos seareiros da saga, pero sen prometerlles unha campaña que profunde nas tramas principais de Resident Evil e os seus protagonistas, centrándose na diversión directa e, previsiblemente, cun nivel de calidade moi afastado ao dos xogos AAA.
Umbrella Corps consistirá en partidas por equipos intensas, con numerosos modos de xogo en liña (como un modo sen reaparicións) nos que poderemos ver tanto inimigos propios da franquía Resident Evil como moitas das súas armas especiais, aínda que a mecánica será moi diferente aos títulos clásicos, de xeito que poderemos ver como toma forza un sistema de coberturas (mecánica cada vez máis habitual nos shooters modernos).


Primeiro tráiler de Umbrella Corps

PUBLICIDADE