Un neno de 5 anos atopa un fallo de seguridade na Xbox One

venres, 4 de abril do 2014 Marcus Fernández

Un cativo de 5 anos, Kristoffer Von Hassel, sorprendeu aos seus pais cando o viron xogando coa consola doméstica Xbox One a títulos para os que non tiña permiso, pois conseguira conectarse á conta de Xbox LIVE do seu pai, e cando o seu proxenitor, Robert Davies, preguntoulle como o fixera, amosoulle que ao intentar entrar na conta paterna tras introducir un contrasinal incorrecto apareceulle unha pantalla de verificación na que chegaba con inserir varios espazos e premer enter para poder superar as medidas de seguridade da consola.
O pai de Kristoffer, profesional de seguridade informática, sentiuse moi orgulloso ao ver que o seu neno conseguira atopar un fallo de seguridade na consola de Microsoft, aínda que non foi a primeira vez que conseguiu algo semellante, pois xa tería atopado xeitos para desbloquear o móbil da súa nai tan sinxelos como deixar premida a tecla de inicio (cando só tiña un ano de idade).
Tras comunicar o fallo de seguridade da Xbox One, dende Microsoft non só arranxaron o fallo, senón que tamén o gratificaron con 4 xogos, 50 dólares e un ano de subscrición a Xbox LIVE.

PUBLICIDADE