Un libro recolle a Idade de Ouro do software español

mércores, 4 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Jaume Esteve é o autor de Ocho Quilates

O xornalista catalán especializado en videoxogo Jaume Esteve Gutiérrez, envolto por certo espírito nostálxico decidiu contar a historia do que se deu en chamar a Idade de Ouro do software español nun libro que leva por título Ocho Quilates e que repartido en 2 volumes quere narrar a historia do sector dos videoxogos en España entre 1983 e 1992, o que pode sorprender polo mero feito de que o autor naceu durante o primeiro ano deste período que pode considerarse histórico por desenvolverse unha nova industria no Estado da que non había precedentes e que hoxe aínda segue con vida (aínda que a relación entre produción e consumo é agora moi diferente).

Na páxina web oficial do libro é posible adquirir o primeiro volume xunto cunha lámina de edición limitada debuxada por Azpiri

Para poder narrar esta interesante historia, Esteve recorreu a testemuños de luxo como Paco Pastor (ERBE), os irmáns Ruiz (Dinamic), Gonzo e Paco Suárez (Ópera), Charly Granados e Fernando Rada (Made in Spain), Javier Cano e Rafael Gómez (Topo Soft) e Andrés Samudio (Aventuras AD) entre outros, que axudaron así a facer unha radiografía do fenómeno que naceu grazas aos ordenadores de 8 bits (ZX Spectrum, Amstrad CPC, MSX e Commodore 64) e á posibilidade de que desenvolvedores independentes ou de pequenos estudos puidesen realizar as súas propias creacións dun xeito case artesanal, conseguindo en numerosas ocasións gañar o aplauso do público e da crítica, dando lugar a xogos tan lembrados como La Abadía del Crimen, Fernando Martín Basket Master, Army Moves, Abu Simbel Profanation, Desperado e moitos outros.
O primeiro volume de Ocho Quilates está xa á venda en ePUB e formato físico dende a súa páxina web, podendo adquirirse tamén en Amazon nunha versión dixital para Kindle, e recolle o período que vai dende o lanzamento de La Pulga de Paco Suárez en 1983 ata 1986, ano que considérase que foi no que comezou a profesionalización da creación dos videoxogos.
Máis interese captará o vindeiro volume, que comeza en 1987, ano no que se produciu unha explosión dos videoxogos en España, grazas en grande medida pola baixada de prezos promovida por ERBE (que colocou o prezo dos videoxogos en 875 pesetas, cando anteriormente vendíanse a entre 1.800 e 2.500 pesetas). Moitos serían os grandes xogos españois desenvolvidos nos seguintes anos, pero a popularización das consolas de videoxogos de 16 bits e as dificultades de adaptación a ese novo escenario provocaron unha grande crise no sector que levou á desaparición da meirande parte de estudos, aínda que outros souberon transformarse e, sen lugar a dúbidas, deixaron a semente do que hoxe son distribuidoras como FX Interactive e estudos como Mercury Steam e Novarama.

A portada do libro de Jaume Esteve conta cunha ilustración de Azpiri, autor de boa parte das portadas dos videoxogos españois de finais da década dos 80

PUBLICIDADE