Un fallo informático carga facturas desorbitadas aos alumnos da USC
martes, 21 de abril do 2009
Se ben é sabido que a capital galega,
ademais de ser mundialmente coñecida pola súa Catedral e polo seu casco
histórico, tamén é un referente para os estudantes que bucan unha universidade
de prestixio como é a USC, o que non se sabía tan ben era que aloxarse nas súas
residencias podía chegar a pagarse a prezo de suite nupcial no Hostal dos Reis Católicos.
Isto foi o que lles pasou varios
estudantes que estaban aloxados en distintas residencias e colexios maiores de
Santiago, que por un erro
informático, lles foi cargada unha cota mensual de máis de 13.800 euros, a
razón de 460 euros por cada día de
estanza.
O erro, que rexistrou distintas
cantidades segundo cada caso, afectoulle a uns 300 alumnos dos máis de 1.000
que hai rexistrados no sistema de residencias da USC, mais os peor parados
foron 11 universitarios aloxados no Monte da Condesa, que viron nas súas contas
unha suma de ata 13.861 euros que a Universidade lles reclamaba en concepto de
aloxamento.
O vicereitor
da USC, Mayán Santos, asegurou que a aplicación informática “se volveu tola” (como posiblemente lle
sucedería a algún proxenitor dos alumnos afectados ao ver as facturas que lles
eran reclamadas) porén afirma que “os cargos
se anularon sen ningún problema”.
A aplicación informática empregada pola
Universidade de Santiago para cargas nas contas bancarias do alumnado a cota
mensual polo aloxamento, funciona dende hai tres anos e ata o de agora nunca
tivera un problema similar.
Os alumnos e alumnas afectados recibiron
unha carta do vicereitorado de Comunidade Universitaria informándolles de que
debían devolver a factura errada e que máis adiante se lles facturará o importe
correcto.