Un estudo para Virgin Mobile asegura que 1 de cada 3 persoas “espía” os SMS das súas parellas

martes, 2 de setembro do 2008 Raquel Noya

Se hai algo que non mudou dende que, por primeira vez na historia, recibimos a posibilidade de comunicármonos con outros usuarios a través de mensaxes de texto polo móbil (SMS), foi o feito de “botarlle unha ollada” aos teléfonos das nosas parellas ás agochadas, algo que, as máis das veces, ten achegado pequenos desgustos e provocado algunhas discusións sen motivo.
Pero facía falla un estudo que confirmara este (mal) hábito entre a poboación e os australianos sabíano, co que lle fixeron unha enquisa en liña a 500 persoas entre 18 e 29 anos para corroboralo, chegando á conclusión de que “unha de cada tres persoas espía os SMS da súa parella de xeito habitual” (o 60 por cento aproveitando que esta se atopa na ducha).
Estes datos reflicten, polo menos, dúas cousas: que a xente se ducha a miúdo e que, as persoas que non menten, abúrrense mentres a parella se lava.
De todos os usuarios que admitiron ter fozado nós teléfonos móbiles das súas parellas (que por certo, se a enquisa fora en persoa, seguramente serían moitos menos), o 73 por cento confesan ter atopado cousas que se arrepinten de ter visto e o 10 por cento rematou a súa relación polo asexo máis ou menos continuado dos SMS.
Asemade, o estudo reflexa que hai unha maior tendencia entre as mulleres a realizar este tipo de espionaxe aínda que non aparecen cifras, polo que o dato é tan válido coma o consello que dan amablemente ao final do documento: “Se sospeitas que a túa parella está facendo algo (falando en prata: poñéndoche os cornos), fálao con ela, pois ver as mensaxes pode converterse nun círculo vicioso e pode evitarse facilmente”. Grazas; anotado queda o aviso.

PUBLICIDADE