Un dispositivo promete vulnerar a protección anti-copia da PS3

venres, 21 de outubro do 2011 Marcus Fernández

En distintos foros da web están a aparecer vídeos dun dispositivo USB que sería algo semellante a un sucesor do PSJailbreak, ou sexa, que permitiría vulnerar a seguridade da PlayStation 3 para poder empregar copias dos últimos xogos que hai no mercado e que están protexidos contra o anterior fallo de seguridade que supuxo un duro golpe para Sony por abrir a PS3 ás copias de videoxogos.
O novo trebello responde ao nome de JB2, e estaría baseado no firmware 3.55 da PS3, sumando certos trucos que facilitarán a execución de títulos que esixen versións posteriores do firmware, aínda que desta volta sorprende que, en vez de precisar da súa carga dende disco duro, os xogos deben estar en discos Blu-ray gravables, o que resulta bastante rechamante.
Inicialmente comentan que xogos como o PES 2012, FIFA 12, Driver San Francisco, God of War Origins, X-Men: Destiny e Sniper Ghost Warrior funcionan sen problemas mediante esta técnica, e están a preparar o sistema para que sexa compatible con Resistance 3, Disgaea 4 e Batman Arkham City, aínda que toda esta información está moi lonxe de ser oficial, parecendo seguro que Sony vai ter que volver a tomar medidas para evitar o rexurdimento da piratería na súa plataforma doméstica de lecer electrónico.


Un dos vídeos que circulan na Rede no que amosan a vulneración da seguridade da PS3 empregando o JB2

PUBLICIDADE