Ubisoft reformula o seu servizo de subscrición

luns, 15 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Esta semana chega unha nova entrega de Prince of Persia

En 2019 Ubisoft lanzou o seu servizo de subscrición de videoxogos, que foi incorporando novidades nos últimos anos e hoxe, coincidindo co lanzamento do agardado Prince of Persia: The Lost Crown esta mesma semana, deciden que PC Access e Multi-Access de Ubisoft+ pasen a chamarse Ubisoft+ Premium, ofrecendo xogos dende o día do seu lanzamento e acceso anticipado cando corresponda. Aparte deste cambio de marca, tamén aparece unha nova oferta: Ubisoft+ Classics para PC, cunha coidada selección de xogos e máis antigos.
Temos así que Ubisoft+ Premium achega os novos lanzamentos, como a nova entrega de Prince of Persia, así como un importante fondo de catálogo, que está accesible en Xbox, PC e Amazon Luna a un prezo de 17,99 euros/mes; mentres que Ubisoft+ Classics limita o catálogo dispoñible a unha selección de xogos anteriores populares (como Far Cry 6, Rainbow Six: Siege e Watch Dogs: Legion) por 7,99 euros/mes (e que tamén está dispoñible para membros de PlayStation+ Extra e PlayStation+ Premium).
Este cambio é unha reacción de Ubisoft ante o incremento de subscritores no último ano, deixando claro que o público cada vez é máis receptivo ao xogo como servizo de subscrición.
Dende a compañía tamén salientan que a décima parte dos subscritores non xogaran nunca a xogos de Ubisoft, polo que proban boa parte do catálogo dispoñible, ou sexa, que este modelo de negocio permite levar os títulos de Ubisoft a novos xogadores.
Pero este cambio realmente só é un anticipo ao que chegará nos vindeiros meses, xa que nos vindeiros meses Ubisoft+ vai incorporar á súa oferta títulos de Activision Blizzard, o que de seguro que atraerá a moitos máis subscritores.

PUBLICIDADE