Ubisoft non estará presente na feira E3

luns, 27 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Estaba previsto que no mes de xuño a feira de videoxogos E3 retomase completamente o seu formato presencial, pero segundo se vai achegando a cita son peores as súas expectativas, ao igual que a primeiros de ano Nintendo, Sony e Xbox aseguraban non ter presenza oficial no Centro de Convencións de Los Angeles, agora chegan informacións apuntando a que Ubisoft, a editora da franquía de Assassin’s Creed, deixará de lado a feira E3, optando por informar das súas novidades a través dun evento propio.
O anuncio dun evento Ubisoft Forward Live o 12 de xuño en Los Angeles, á marxe do E3, resultan bastante rechamante porque o mes pasado a organización da feira divulgaba a nova de que Ubisoft confirmaba a súa presencia no evento.
Dende Ubisoft recoñecen que a súa intención inicial era estar presentes oficialmente na feira E3, o que podería entenderse como un anticipo da pouca participación que terá o evento, xa que aínda non hai ningunha grande compañías que anunciase a súa presenza no formato que adoptará a feira este ano (os dous primeiros días serán exclusivos para profesionais e os dous seguintes para o público xeral).
Cómpre salientar que, aínda que as compañías non vaian estar presentes nas instalacións do E3, si é de esperar que organicen anuncios paralelos nas mesmas datas, de xeito que a semana do E3 seguirá sendo moi forte a nivel informativo, aínda que o evento presencial poida chegar a considerarse irrelevante.

PUBLICIDADE