Ubisoft confirma que está a corrixir os moitos fallos detectados en Assassin’s Creed Unity

luns, 17 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A semana pasada chegou ás tendas Assassin’s Creed Unity, o primeiro título da saga para a nova xeración de consolas, que estaba a ser moi esperado por supor o abandono do continente americano e á volta a Europa, xa que a acción desenvólvese en París no ano 1789, ou sexa, en plena Revolución Francesa, o que sirve para amosar un contexto histórico que acae ben a esta franquía, que aproveita valores como o de recrear a arquitectura parisina máis emblemática cun grande detalle para sentar as bases dun grande xogo que parece verse ensombrecido polas presas.
Nos últimos días a Internet está a converterse nun fervedoiro de imaxes e vídeos nos que poden verse fallos no xogo que presentan dende arrepiantes escenas nas que as persoas carecen de cara mentres a súa boca e os seus ollos manteñen a súa posición orixinal (por un erro de carga das texturas faciais), personaxes que quedan atascados nun punto fixo mentres andan ou corren chegando a resultar cómicos ou fallos nas físicas ou no control de colisións, de xeito que en pantalla vemos elementos que desafían á gravidade ou humanos que atravesan obxectos.
Aínda que estes fallos non son tan graves como pode darse a entender (moitas das persoas que os experimentaron non instalaran o parche que estaba dispoñible no día de lanzamento do xogo, que xa corrixía moitos erros) pero, para evitar que a imaxe de Ubisoft se vexa moi afectada, a compañía decidiu facer un exercicio de transparencia, e está a publicar un blog no que dá conta dos avances que fan nas correccións do xogo. Así, hoxe mesmo anuncian que xa está dispoñible o segundo parche de Unity para PC e PS4 (asegurando que o de Xbox One está a piques de completarse) e adianta que o terceiro parche será unha grande actualización que corrixirá case todos os fallos detectados. Por exemplo, o futuro parche corrixirá os problemas de xogabilidade que levaba ao atoamento de personaxes por mor de certos elementos, mellorarán a intelixencia artificial e o comportamento das multitudes para unha mellor interacción, corrixirán diversos fallos do xogo en rede, solucionarán algunhas inconsistencias na interface gráfica e incrementarán a estabilidade xeral do xogo, reducindo as posibilidades de colgue do mesmo, grazas á corrección de fallos detectados tanto no modo campaña como no modo cooperativo.
Tamén aseguran estar a investigar os problemas que causan caídas na taxa de fotogramas por segundo e outros elementos dos que irán dando conta a través das distintas plataformas de comunicación da compañía.

Algúns fallos detectados en Assassin’s Creed Unity están entre o arrepiante e o cómico

PUBLICIDADE