Ubisoft Quebec desenvolverá unha futura entrega de Assassin’s Creed

xoves, 3 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que todos os xogos da saga Assassin’s Creed foran desenvolvidos dende os estudios de Ubisoft en Montreal, a compañía anuncia que unha das futuras entregas da saga vai trasladarse á cidade de Québec, onde están a fornecer un estudio con novos profesionais e inaugurando instalacións no barrio de Saint-Roch.
O estudio Ubisoft Quebec xa comezara a colaborar na saga en Assassin’s Creed: La Hermandad, para involucrarse tamén no desenvolvemento dun dos capítulos descargables de Assassin’s Creed III, pero até o momento non se fixera carga dun xogo completo da franquía, o que será posible grazas á ampliación deste estudio que pretende chegar a contar con 350 persoas, dos que unha boa parte xa está a traballar nun novo Assassin’s Creed por anunciar.
Dende Ubisoft aproveitan a ocasión para informar aos desenvolvedores de videoxogos que están a realizar contratacións para o renovado estudio canadense que manterá as novas instalacións un mínimo de 14 anos. Entre os profesionais que están a contratar estarían deseñadores de niveis, deseñadores de xogo, artistas do deseño de personaxes, deseñadores de son, animadores, directores técnicos, probadores... podendo coñecerse máis detalles destes postos de traballo na sección de recursos humanos da páxina web do estudio quebequés.

PUBLICIDADE