Twitter permite recuperar a orde cronolóxica inversa en Android

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

En febreiro de 2016 Twitter decidiu mudar o xeito de funcionar a súa cronoloxía para destacar inicialmente os chíos máis importantes, procurando así que os usuarios non deixasen pasar información que puidese resultar do seu interese, pero esta modificación provocou certo descontento, por facer que Twitter perdese parte da súa esencia e dar o poder a algoritmos que non sempre se corresponden coas auténticas demandas do público.
Atendendo a este malestar, hai preto dun mes a aplicación de Twitter para iOS estreou unha opción para poder recuperar a orde cronolóxica inversa rigorosa, e finalmente tamén temos esa funcionalidade en Android, a través dun novo botón (que representa uns brillos) que permite conmutar entre os chíos máis importantes e os chíos máis recentes.
O feito de permitir aos usuarios escoller é sempre positivo, xa que así os propios usuarios poderemos coñecer se realmente o cambio na cronoloxía de Twitter para destacar o máis importante era atinado ou non.

PUBLICIDADE