Twitter mellora a xestión de mensaxes directas e as buscas móbiles

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Respondendo á práctica habitual dos seus usuarios, que tenden a consultar o servizo dende distintos dispositivos, Twitter anuncia hoxe varias melloras do seu sistema, entre as que destacan especialmente a sincronización de mensaxes directas, de xeito que cando alguén reciban unha mensaxe privada e a lea na web, no móbil ou nunha aplicación de escritorio, aparecerá como lida no resto de dispositivos, evitando así a molestia de ter que ler as mensaxes dende todos os dispositivos que empreguemos para que non figure que temos mensaxes pendentes de ler.
Nas aplicacións para Android, iPhone e iPad, así como na páxina web móbil de Twitter están a implementarse melloras nos resultados de busca (de xeito que cando buscamos a unha persoa poderemos ver unha vista ampliada dos resultados coa biografía dos usuarios) e cando vemos o detalle dun usuario tamén se nos suxerirán outros usuarios semellantes.
A aplicación de Twitter para iPhone incorpora un campo de composición de chíos para poder responder a un chío dun xeito máis doado; mentres que a aplicación de Twitter para Mac engade as interaccións no apartado de Conecta, de xeito que xa non se limita ás mencións, senón que tamén detalla cando alguén marca unha das nosas mensaxes como favoritas ou cando fai un rechío.

PUBLICIDADE