Tuenti integra chamadas de voz de balde na súa aplicación móbil

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tuenti continúa a apostar polos servizos para diferenciarse da competencia como Operador Móbil Virtual (OMV), para o que vén de renovar a súa aplicación de mensaxería para iPhone, que nesta versión 4.3 estrea a posibilidade de facer chamadas de voz de balde empregando a conexión de datos, coa vantaxe adicional de que grazas a Zerolímites os usuarios de Tuenti Móvil poderán realizar estas chamadas de VoIP sen consumir datos da súa tarifa.
Esta nova funcionalidade está dispoñible para terminais a partir do iPhone 3GS con iOS 6, e para establecer unha chamada de voz sobre IP chega con premer a icona cun teléfono que aparece na esquina superior dereita das conversas cun contacto a través da aplicación de mensaxería instantánea de Tuenti, conseguindo así unha boa integración da voz co intercambio de textos e imaxes.
As chamadas de VoIP non se pode realizar só con outros usuarios da aplicación móbil de Tuenti, senón que tamén son compatibles coa versión web de escritorio de Tuenti sempre que se empregue como navegador a Chrome ou a Opera.

PUBLICIDADE