Tímida recepción da PlayStation 4 no Xapón

martes, 25 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que a celebración do lanzamento da PlayStation 4 no Xapón e o feito de que Sony xogase na case, daban a entender que a nova consolas sería todo un éxito, pero os datos que veñen de publicar na revista Famitsu parecen indicar o contrario, xa que a PS4 tería vendidos na súa primeira fin de semana á venda 322.083 unidades, que aínda que poida parecer unha boa cantidade, é un volume de vendas moi semellante ás que movían no seu lanzamento consolas que hoxe consideramos grandes fracasos como a PS Vita (con 321.000 unidades) e a Wii U (309.000 unidades).
Aínda que algunhas fontes pretendan ver os resultados como algo positivo por case cuadriplicar as 88.443 unidades vendidas no lanzamento da PlayStation 3 en 2006, cómpre destacar que a anterior consola doméstica de Sony non vendeu máis porque esgotou as unidades dispoñibles nas tendas, mentres que a PS4 parece atopar sen problema nos establecementos físicos.
Vendo estes resultados enténdese que Sony adiase o lanzamento da PS4 no Xapón, e incluso podería adialo máis, pois o problema non é que a consola non vaia contar co favor do público nipón (de feito, carece de competencia, pois Microsoft nin sequera ten plan para levar a Xbox One ao Xapón), senón que polo momento carece dun catálogo de xogos que interese ao público local, polo que haberá que agardar a que cheguen xogos desenvolvidos co público xaponés no punto de mira para que a PlayStation 4 poida conseguir unhas vendas comparables ás que está a acadar en occidente.

PUBLICIDADE