Tetris chega ao Messenger de Facebook

xoves, 30 de novembro do 2017 Marcus Fernández

As aplicacións de mensaxería instantánea e os videoxogos teñen xa unha longa tradición no que a integración se refire, e nos últimos meses unha das aplicacións que máis se abriu á incorporación de xogos é o Messenger de Facebook, que permítenos gozar de títulos clásicos como o Solitario, Pac-Man, Galaga, Arkanoid, Puzzle Bobble Blitz e, dende hoxe mesmo, Tetris, de xeito que non teremos que pasar por caixa para gozar do xogo máis vendido da historia, á vez que tamén podemos competir cos nosos amigos para ver quen consegue as mellores puntuacións.
O xogo conserva as súas mecánicas máis básicas, de xeito que a súa proposta limitarase a instarnos a evitar que as pezas que caen se acumulen até a parte superior da pantalla. Como interface de control empregaremos xestos: cun toque xiraremos as pezas mentres caen, con movementos laterais faremos que as pezas se despracen lateralmente e con movementos verticais descendentes faremos que as pezas caian de vez (axilizando o xogo).

PUBLICIDADE