Televés lanza novos equipos con fibra óptica para o fogar

martes, 8 de maio do 2012 Raquel Noya

Adaptador de Fibra Óptica de Vivienda

A firma tecnolóxica galega, Televés, continua a desenvolver a súa aposta pola fibra óptica, ao ver esta tecnoloxía como “a máis idónea para facer chegar ata o fogar servizos de telecomunicacións”, afirman.
Desta volta a compañía vén de lanzar un emisor e un receptor de alta potencia pertencentes á gama de módulos para cabeceira de distribución T.0X, e un adaptador para o interior das vivendas.
Falamos duns módulos T.0X emisor e receptor de fibra óptica que destacan pola súa alta eficiencia enerxética, así como pola súa capacidade para optimizar os parámetros de calidade da transmisión e para monitorizar o sinal emitido e recibido.
Estes equipos, que ademais contan con activación de alarma, intégranse nunha serie de equipos (T.0X) que en palabras dos seus desenvolvedores, “están a ter unha extraordinaria acollida entre os profesionais de todo o mundo polas súas altas prestacións e gran calidade de fabricación”.
Pola súa banda, o adaptador de fibra óptica para vivenda é un dispositivo plug & play que transforma o sinal óptico de entrada nun sinal de radiofrecuencia estable e fiable, regulando automaticamente a ganancia necesaria. As súas reducidas dimensións permiten a súa colocación en caixas de 100 x 100 milímetros, que son as habituais nas nosas vivendas. A maiores, este adaptador incorpora unha fonte de alimentación conmutada de alto rendemento e baixo consumo, que axuda a aforrar uns euros na factura eléctrica mensual.
Ámbolos dous produtos, lanzados no marco do Plan NP100 da compañía, son froito da capacidade innovadora da firma, e son fabricados nas súas propias instalacións compostelás, onde grazas ás liñas de produción robotizada coas que contan, poden garantir “os máis altos estándares de calidade e fiabilidade”, aseguran.

PUBLICIDADE